22 dic 2018

Tradición e vangarda

Onte o grupo de lector@s de BAC comentou Romancero Gitano, a maxistral obra de Federico García Lorca, nun xantar onde o menú principal foi a pizza e a sobremesa, os versos do poeta granadino. De entrantes houbo un pouco de todo: nestas datas hai tantas cousas para contar...

Deixamos ao Galván de testemuña da nosa 2ª xuntanza...
As composicións deste poemario que tiveron máis éxito entre o grupo foron o "Romance de la luna, luna", "Preciosa y el aire", "Reyerta" ou "Romance de la Guardia Civil", tan acaído nestas datas. Tamén deron que falar "La casada infiel", "La monja gitana" e os dous referidos a Antoñito el Camborio.
Ademais de referirnos á orixinalidade das imaxes (e máis usando un formato tradicional como é o romance) e ao feito de achegarnos case por primeira vez nesta actividade a un conxunto poético con temática unitaria, falamos da enorme creatividade do autor, tamén debuxante e músico. Por suposto, habendo representación do mundo escénico entre nós, tamén algo se dixo das súas obras teatrais.
É unha verdadeira mágoa que o seu asasinato na Guerra Civil puxese fin á súa traxectoria literaria.
Aproveitamos para botar un ollo a unha edición ilustrada do Romancero Gitano, e tamén a un calendario que recolle debuxos do autor, así como a unha edición dos seus Seis poemas galegos, tan próximos a nós nas referencias: pola mediación de Ernesto Guerra da Cal na súa orixe, e pola historia real que é aludida no "Nocturno do adolescente morto".

En xaneiro comentaremos La verdad sobre el caso Savolta, que poesía non é... pero para falar dá!

21 dic 2018

Recreos Doces!!!

O pasado xoves 13 de decembro Libromanía rematou de ler "Guerra". Realizaron ademáis unha posta en común do libro degustanto unhas lambetadas navideñas!!






9 dic 2018

Historias diversas

O pasado venres 30 de novembro a sección de adultos de Libromanía reunímonos para comentar Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez, e Fóra do normal, de María Reimóndez (que xa lera antes a rapazada).
Os catro relatos que compoñen o libro de A. Méndez leváronos ata os tempos durísimos da inmediata posguerra. O magnífico xeito de narrar deste autor guiounos por ese burato negro da nosa historia, e ao debate de cal das historias nos gustara / impactara máis, sumouse o da posibilidade de mudar algún dos finais... Deu para moito, como podedes ver.
Fóra do normal, cun ton menos tráxico, máis esperanzador con respecto ao futuro do grupo das protagonistas, tamén deu abondo que falar. Era visto, pola temática que aborda pero tamén pola orixinalidade no xeito de abordar certas cuestións que parecen quedar fóra da sociedade actual, e en realidade contribúen a diversificala e humanizala.
É curioso que as dúas obras de lectura desta xeira puxesen a súa ollada sobre personaxes ao marxe do sistema (en diferente medida, xa ora), en dous momentos históricos non tan distantes no tempo...
En xaneiro comentaremos A nena do abrigo de astracán, de Xabier DoCampo e Guerra, de Janne Teller, dándolle certa continuidade ás historias de vida que non acaen ben no sistema.
Vémonos para o ano!




18 nov 2018

Recreos saudables!!!!!

O pasado 15 de novembro no Club de Lectura lemos "Guerra ¿Y si te pasara a ti?" de Janne Teller. Foron as alumnas de 3º e 4º da ESO as que leron o libro para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Ao mesmo tempo propuxemos uns "petiscos saudables" para os rapaces e rapazas.





15 nov 2018

Taboleiro do Club de Lectura

Por fín!! Despois de moitos recreos recortando, deseñando, pintando e repasando letras, o alumnado de 1º e 2º da ESO de Libromania remataron as novas letras do taboleiro!! 
Mirade ben as letras, dado que cada unha delas esconde un anaco de obras de escritoras e escritores galegos. Os seus nomes teñen moito que ver coa letra na que están. 
Non vos parece que quedaron ben bonitiñas????? 

Os rapaces e rapazas son uns artistas!!!




2 nov 2018

Samaín

Con motivo da celebración do Samaín o luns día 29 de outubro os alumnos de 1º da ESO do club de lectura foron a biblioteca a darlle un aire terrorífico!!! Unha mostra do traballo realizado por eles:




Deseñando ...

Libromanía está a deseñar as novas letras do taboleiro.
 Aínda nos queda un pouco, pero próximamente poderedes ver estes deseños artísticos na cortiza do club de lectura. Devecemos por ver como quedará!!!






1 nov 2018

Verse n@s outr@s

O venres 26 de outubro a sección de adultos deste club de lectura reuniuse para comentar O hibisco púrpura de Chimamanda Nogzi e Maíto Panduro, de Gonzalo Moure. Estas dúas lecturas permitíronnos achegarnos á vida dunha familia nixeriana e dun neno xitano, e foron un éxito, a verdade.

A durísima historia que conta Chimamanda conseguiu engancharnos dende a primeira páxina e sorprendernos ata o final co seu relato. A maioría xa estamos pensando en ler algunha outra obra súa.
Pese á súa brevidade, Maíto Panduro é unha obra impresionante, pola delicadeza e respecto coa que se amosan dous mundos ben distintos - o do alumno xitano e o da profesora paya- e a orixinalidade coa que o neno e o pai preso se comunican mediante debuxos.
No noso xantar-comentario tivemos a oportunidade, ademais, de probar os hibiscos, dóces e de sabor tan intenso como a impresión que deixaron en nós estas lecturas. Foi unha mágoa que non puidesemos estar tod@s...
Cara a finais de novembro comentaremos Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez e Fóra do normal, de María Reimóndez, coma a nosa rapazada.



21 oct 2018

Presentación!!!

O Xoves 11 de outubro estreamos o Club de Lectura do ano 2018/2019 e velaí van as fotos dos seus membros.


Benvidos todos!!

7 oct 2018

Comeza un novo curso para o club de lectura

O próximo Xoves comezaremos as reunións do club de Lectura.

A reunión terá lugar na biblioteca durante o primeiro recreo!!
Unha das propostas de lectura será "Fora do Normal" de María Reimóndez. 
Para o novo alumnado que se incorpora ao club de lectura esperamos que sexa unha experiencia pracenteira e para aqueles que repetides no club que sexa, por suposto, do voso agrado.

8 sept 2018

Xunt@s un ano máis

Querid@s lectores e lectoras:
Onte reiniciamos a nosa actividade despois do verán.
O grupo do alumnado de BAC comentou Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana, nunha xuntanza a media mañá. Aquí podedes vernos ao remate do conto.
A convocatoria para a sección de adultos (Huye rápido, vete lejos de Fred Vargas e Contra todo isto de Manolo Rivas), era, coma sempre, de xantar-comentario. Esta vez ademais de darlle á lingua moito e ben, acordámonos de sacar unha foto ao rematar...
Seguiremos informando de lecturas e datas da nosa actividade. Xa sabedes onde atoparnos!

27 jun 2018

Sempre hai que ter algo entre as mans

Pois si. Veu o verán de lecturas cheíño, e nós imos aproveitar ben o tempo.
A sección de adultos xa fixou unha nova xuntanza de comentario para a primeira semana de setembro: degustaremos Contra todo isto, de Manolo Rivas e Huye rápido, vete lejos, de Fred Vargas.
Iso de menú principal... logo cadaquén traerá algunha sobremesa saborosa da que falar.

E este ano, por primeira vez, tamén o alumnado máis veterano no clube se animou a comezar xusto á volta das vacacións comentando unha obra de lectura. Neste caso a proposta foi Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana.




16 jun 2018

Últimas sesións deste curso

Recordatoooorio!

O luns 18, no segundo recreo a sección do alumnado de menos idade -e calquera outro/a que queira vir-: comentario de La cruzada de los niños.

O mércores 20, no segundo recreo, xuntanza xeral do alumnado membro: peche das actividades deste curso, con algunha sorpresiña.
O venres 22, á hora de xantar, como vén sendo habitual, a sección de adultos tamén se reúne para ter a última xuntanza deste curso. Falaremos das obras que temos pendentes de comentario e estableceranse as lecturas de verán... hum... xa hai varias propostas deliciosas...

Por se tíñades curiosidade... o puzzle de libros, acabámolo. Aquí podedes ver como era de intensa a actividade para poñer as últimas pezas:

11 jun 2018

O tempo vaise, as lecturas quedan

Ao borde xa de rematar o curso, damos breve noticia dalgunhas actividades feitas neste último trimestre: rematamos maio coas lecturas no CEIP de Quiroga e no CEIP de San Clodio por parte do alumnado deste Club de Lectura (podedes ver as imaxes nestes enlaces ao facebook do centro onde se colgaron).
As lectoras e os lectores da sección do alumnado, participaron activamente en distintas propostas de "Abril de libros, maio de letras", ás que se fai referencia no blog da biblioteca máis polo miúdo. Iso si, unha das actividades estivo dirixida moi especificamente a eles/as: o encontro con Marilar Aleixandre, que visitou o noso centro o 3 de maio para falar dos seus libros. Aquí deixamos algunhas imaxes desa actividade (tamén houbo un encontro posterior coa sección de adultos de Libromanía, co habitual xantar de comentario):



12 abr 2018

Atención: collede tod@s o voso libro!

Veñen tempos que requiren telos na man...

A vindeira semana faremos Lecturas nos coles de Quiroga e de San Clodio: iremos lerlles contos e poemas aos nenos e nenas de infantil e 1º de primaria. Xa escollestes o voso texto?
Ademais, dende aquí animámosvos a participar no desafío "E ti que les?": facédevos fotos lendo ou facédellas a outros lectores/as para montar un mural con todas. Ide pensando o libro co que queredes retratarvos!
Aquí deixamos unhas do alumnado de 4º nunha Hora de Ler adicada a Manel Cráneo.
Que estamos a ler en Libromanía?
Despois dun tempo sen dar sinais na rede, facemos un pequeno recordatorio do que fomos lendo dende finais de xaneiro: os máis noviños leron El autobús de Rosa (e comentámolo á volta da Pascua) e agora imos con La cruzada de los niños; a rapazada de 3º da ESO en diante anda viaxando con Leo en Destino Xalundes, e xa houbo tres xuntanzas para falar del.
A sección de adultos ten pendente comentar A arte de trobar, de Santiago Lopo e Manual de instrucciones para mujeres de la limpieza, de Lucía Berlín. Caerán para a semana, humm...


6 feb 2018

Da viñeta á mesa

Como xa saberedes por Biblioquiroga, para conmemorar o Día da Ilustración estivo entre nós Manel Cráneo, para facer un obradoiro con parte do alumnado da ESO. 
A súa visita permitiunos aproveitar tamén para que unha parte do alumnado do Club de Lectura lle fixera unha entrevista previa: un material de primeira para a segunda edición de "O Eco do Val", que sairá en abril.

Para rematar a xornada, Xabier e Manel Cráneo xantaron coa sección de adultos de Libromanía. A sobremesa deu para facer intercambio de recomendacións lectoras -entre outras lerias varias-, coñecer os últimos proxectos do ilustrador e editor, e comentar algunhas das súas publicacións. 

E falando de "O Eco do Val"... neste enlace podedes ver un artigo que reseña a nosa actividade: en concreto a xuntanza de comentario de Al sur de la alameda, feito por Emily González.

16 ene 2018

Semana de xuntanzas

Recordatorio aos lectores e lectoras das datas de comentario das obras pendentes:
- o mércores 17 haberá o xantar laretada lectora da sección de adultos, onde degustaremos  No llorar, de L. Salvayre, algún libro/antoloxía de Gloria Fuertes, e A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Se alguén aínda non botou o conto de La uruguaya, de Pedro Mairal e Instrucións para tomar café, de Núñez Singala, tamén terá ocasión: revisitarémolas, que na última xuntanza houbo moitas ausencias...
- o xoves 18 no 2º recreo @s máis nov@s falarán de Charles Darwin, de  Alan Gibbons
Presas fáciles, de Miguel Anxo Prado non ten data fixada aínda, pero contade que será a comezos da vindeira semana, o luns ou o martes.
Tede en conta que, coma sempre, decidiremos as próximas lecturas tamén nestas xuntanzas. Non esquezades traer algunha apetitosa proposta...