24 oct 2017

Medre a festa!!!

Hoxe conmemoramos o Día das Bibliotecas. Xurxo Souto pasou pola nosa e o alumnado de Libromanía fíxolle unha pequena entrevista antes da súa charla sobre a historia do rock galego. 
Tamén houbo un xantar coa sección do Club de Lectura de adultos. Laretamos sen tasa, e, por suposto, deixounos tamén unhas recomendacións: O outro lado da música, a poesía (Luísa Villalta), As crónicas do Sochantre (Álvaro Cunqueiro) e Futbolín (Alessio Spataro): terémolas moi en conta!
Aquí vos queda unha imaxe da entrevista, da que en breve daremos máis novas na rede.
"Somos un pobo de artistas" foi o lema do músico e escritor, quen nos animou a amosar a nosa creatividade.

23 oct 2017

Libros de outono

As lecturas da rapazada van ser para os máis novos Corredora, de María Reimóndez e Charles Darwin, de Alan Gibbons, en relación coa conmemoración do Día das Escritoras a semana pasada e coa exposicion "Unha viaxe pola ciencia", que estará no corredor da planta baixa e no laboratorio de Bioloxía durante o mes de novembro.
O alumnado con máis experiencia percorrerá as páxinas de Presas fáciles, de Miguelanxo Prado; Al sur de la alameda, de Lola Larra e Vicente Reinamontes, e Destino xalundes, de Rosa Aneiros.
A sección de adultos tivo que pospoñer a reunión de comentario de El lector de Julio Verne e os contos de Edgar Allan Poe, pois no xantar de mañá teremos como convidado a Xurxo Souto...