30 sept 2017

Comezamos de novo

O pasado mércores 27 tivo lugar a reunión de presentación do Club de Lectura este curso, na que se falou das actividades previstas e se explicou o funcionamento de Libromanía para o alumnado novo que tiña interese en participar. Houbo quen non puido ver, e xa mandou recado...
O próximo venres, no 2º recreo, poñeremos en común as nosas propostas lectoras e comezaremos outro puzzle de libros. Non volo perdades!!!

9 sept 2017

Sobremesa lectora ao carón do río

Pois si, a xuntanza da sección de adultos tivo lugar en San Clodio desta vez, moi pretiño do Sil. Combinaba perfectamente co relato de Todo isto che darei, e as súas esceas de ribeira -nese caso do Miño-, sobre o que houbo comentarios diversos pois non todo o mundo ficou enfeitizado pola historia, aínda que a impresión xeral era boa. Máis unanimidade suscitou Corredora, ese libriño que conta tan ben a peripecia vital nunha atleta etíope, e ao mesmo tempo vai deixando caer faragullas de grandes temas contemporáneos.

A data permitiu que fosemos máis dos habituais (como podedes ver na foto que nos sacou unha nai) e tamén os nosos convidados/as fixeron as súas propostas de lectura, por iso saíu unha boa rea delas, moi variadas. As inmediatamente seguintes son El lector de Julio Verne, de Almudena Grandes, e unha antoloxía de contos de E. Allan Poe.
 Ah... o misterio agora que reven os días, acae tan ben...

4 sept 2017

Setembro de libro

O verán de lecturas vai quedando atrás, agora é o momento de dixerilas...
Para iso, a sección de adultos, que non ten repouso, reúnese este mércores 6, cunha boa sobremesa: Todo isto che darei, de Dolores Redondo e Corredora, de María Reimóndez. E xa sabemos cal será unha das próximas lecturas: El lector de Julio Verne, de Almudena Grandes que nos recomendou Mini.





A rapazada polo de agora aínda está devorando por libre... pero logo comezamos tamén a falar de novas lecturas para este curso.
Talvez sexa esta vez unha dobre viaxe...