2 mar 2016

Imos lendo

Onte tiveron lugar dúas novas xuntanzas de lectores e lectoras: a primeira delas foi a da rapazada, coma sempre, no segundo recreo. Aínda que estaba previsto rematar o comentario dos dous libros que están lendo (Amor dos quince... e Danny, el campeón...), non se deu o caso: andan os exames moi enriba e con ese lobo tras das orellas hai menos tempo para as nosas lecturas... Iso si, botamos un conto sobre outras cousas que leron -lecturas obrigadas dalgunhas materias, como El curioso incidente del perro a medianoche- e pospuxemos a seguinte xuntanza ata a volta de Semana Santa.
A sección de adultos fixo, desta vez foi, o comentario de Fahrenheit 451 (e tamén das Crónicas marcianas, do mesmo autor, por parte de quen as tiña lido nalgún momento) e da primeira parte de Os camiños da vida (Os señores da terra). Otero Pedrayo está resultando algo denso para a maioría de nós, polo que se decidiu compatibilizar a segunda parte desa obra con Wilt, de Tom Sharpe...
Non se fixou data concreta, pero é previsible que sexa a primeiros de abril.










Por outra parte, xurdiron dúas propostas neste xantar-comentario: facer un recital poético-musical cos textos incluidos na antoloxía poética que se está facendo, e ler Sonetos ao Val de Quiroga en próximas datas. Xa sabía eu que a poesía ía enganchar... ;-)