5 dic 2014

Miniponte lectora

Imos indo cara o Nadal, o tempo esgótase e temos moitísimo estrés...
Relaxade todos e todas con algunha lectura lixeira!
Dende aquí propoñémosvos dúas con máis imaxes que palabras: Aya ou O Porto.
Vémonos o luns, coma sempre!


15 nov 2014

Novas xuntanzas

Lectores e lectoras de Libromanía:
Lembrade que o luns 17 no segundo recreo, hai unha chea de actividades; o mércores 19, no segundo recreo, hai unha reunión do grupo de lectura correspondente á ESO e o venres, tamén no segundo recreo, do grupo de lectura de BAC.
Por certo, o xoves 13 tivemos con nós a Carlos Negro, que veu facer un obradoiro de poesía no centro e aproveitamos para improvisar un recital, no segundo recreo. Así da gusto!

6 nov 2014

Aí ven a ponte do San Martiño...

... tempo de libros
Hoxe tivemos a xuntanza que estaba prevista para o luns, porque houbera que adiala a petición do alumnado, que andaba moi atarefado con exames. Iso si, hoxe aproveitamos para participar na actividade de recreación de Mafalda que ten activa a biblioteca, co gallo do seu aniversario; botamos un ollo ao terceiro concurso "Dalles nome" (agora adicado ás mulleres no deporte) e actualizouse o noso mural interactivo "Son noticia" e decidiuse facer un puzzle de libros nos recreos, aberto á participación de todos/as!
Foi unha xuntanza esgotadora... aínda ben que agora veñen uns días de repouso... ou non...

29 oct 2014

E para a semana...

... máis.

Lembrade que as próximas reunións do club de lectura son: para o alumnado da ESO, o luns 3 no segundo recreo, e para o alumnado de BAC, o martes tamén no segundo recreo.

Onte tivo lugar a xuntanza da sección de adultos de Libromanía, na que se comentaron O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna, Os dados do reloxeiro, de Xurxo Mariño Alfonso e Made in Galizade Sechu Sende.
Como curiosidade, e aproveitando a presenza destacada das Matemáticas este ano na biblioteca, podedes ver o seguinte vídeo, que ilustra perfectamente un dos artigos de Os dados do reloxeiro.


Os participantes escolleron como lecturas para vindeiras xuntanzas: para antes de Nadal e continuando co interese científico matemático: A ciencia no punto de mira, de Jorge Mira e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, "in memoriam"; para despois de Nadal, A conxura dos necios, de John Kennedy Toole e algún álbum ilustrado, aínda por determinar.

Ante a inminente visita de Carlos Negro ao noso centro, non podemos deixar de recomendar os poemarios Makinaria e Penúltimas tendencias. Animádevos, e descubriredes novas posibilidades da poesía!

16 oct 2014

Todos os luns...

O luns pasado decidiuse que a primeira lectura deste ano para o grupo de primeiro ciclo da ESO é USHA, de María Reimóndez.
O outro grupo de alumnado vai ler Makinaria e Penúltimas tendencias, aproveitando que o autor destes poemario, Carlos Negro, virá visitarnos en breve.
Lembrade que o próximo luns haberá xuntanza no segundo recreo, na aula de audiovisuais para comezar a actualizar o taboleiro-diario "Son noticia".
No que se refire aos adultos, o martes 28 pola tarde, no horario e lugar habitual comentaremos as lecturas do verán: Os dados do reloxeiro e El bosque de los zorros (ademais de calquera outra lectura que tiveramos nas mans e queiramos compartir co grupo, coma sempre ;-)).
Aquí quedan unhas fotos da reunión informativa sobre o funcionamento deste club de lectura e unha sección do alumnado que conforma o grupo de lectura de BAC:



3 oct 2014

Primeira reunión deste curso

Ola, incansables lectores e lectoras!
Recórdovos que o próximo luns 7 de outubro, no segundo recreo, na aula de audiovisuais temos a primeira xuntanza deste ano. Non esquezades vir!

12 jun 2014

Chega o momento... das vacacións!!!

Queridos lectores e lectoras:
O curso vai rematando... A despedida oficial xa a fixemos o día 30 de maio, na excursión a Lugo.
Lede moito no verán e volvede con gañas de falar do que lestes!

16 may 2014

Víspera de Letras... festa que te criou!

Hoxe fixemos a celebración do Día das Letras Galegas, cunha serie de actividades lúdicas (recitados, expresión corporal, vídeos e rosco "acertabiográfico" sobre o autor de Nimbos) que nos permitiron non só recordar a figura do homenaxeado, Xosé María Díaz Castro, senón tamén a laboura de moitos/as outros/as escritores/as que fixeron o galego unha lingua literaria, e, por suposto tamén, de todo o pobo que fixo e fai dela unha lingua viva. Un paso adiante e outro máis, Penélope xa non destece!
Mil primaveras máis para o galego!
Aviso para lector@s: como o Mercado do libro non esgotou existencias aínda e había alumnado interesado en intercambiar máis obras, manteráse activo tamén o vindeiro luns, día 19. Aproveitade a ocasión, non quededes sen un exemplar!

7 may 2014

Enchendo de Enrugas a alma

Recordade lector@s de bacharelato: mañá no segundo recreo comentamos Enrugas. Tan "novo" e xa un clásico...
Na xuntanza onde comentamos Victus e En galego por que non?, acordamos as seguintes lecturas para os adultos: Os dados do reloxeiro e El bosque de los zorros.









E a sección máis nova, seguimos co Asesinato de la profesora de lengua: iso si, lembrade que agora quedamos os luns no segundo recreo, onde sempre.Non esquezades revisar os libros que tedes na casa, que a semana vindeira podedes participar na segunda edición do Mercado de libros de segunda man.

24 abr 2014

Novas lecturas compartidas

Ola, lector@s:
Moitas grazas a todos/as pola vosa participación desinteresada na lectura de poesía de onte. Axiña poderedes ver aquí os textos orixinais e as súas correspondentes traduccións ao galego.
Un saúdo.
Lembrade que mañá temos sesión de Club de Lectura (sección xuvenil), coma todos os venres.
Aviso para os lectores adultos: a xuntanza para comentar as obras que estamos a ler (Victus e En galego, porque non?) vai ser, en principio, o martes 6 de maio.

11 abr 2014

Todo o que fixemos

Dende a última vez que colgamos aquí información fixemos un montón de cousas, por iso case non houbo tempo para actualizar o noso blog. Agora vos iremos informando.
Lembrade que á volta imos comezar celebrando o Día do Libro cunha lectura de poemas!!!!

Boas vacacións.


    Exposicións "Mulleres galegas do s. XIX"  e  "Mafalda"
    
    Mural realizado para a conmemoración do Día de Rosalía

 
    Actividade interactiva "Dalles nome" (Mulleres na literatura)







10 feb 2014

Mudanza na reunión

Como moito/as saberedes, o venres pasado non houbo xuntanza efectiva deste club de lectura por mor dos piratas que andaban soltos -actividade promovida polo departamento de francés, na que participaba boa parte dos nosos membros- e logo tiveron a ben facer demostración das súas habilidades culinarias, coa elaboración dunhas crepes.


O venres día 14 no segundo recreo retomaremos a nosa actividade habitual.

24 ene 2014

De ratos e homes?

Onte tivo lugar a xuntanza da sección de adultos para comentar Maus, a célebre obra de Art Spiegelman, que deu para moito máis que para falar do argumento e do formato do libro: a historia do século XX estivo presente e tamén a evolución do cómic ao formato contemporáneo da novela gráfica.
As próximas lecturas propostas para este grupo son Victus de Sánchez Piñol e En galego, porque non?, de  Alberto Núñez Singala.

Hoxe continuaremos co taller de acrósticos no segundo recreo, para toda a rapazada.

17 ene 2014

Desta vai?

Ola, mozos e mozas.
Lémbrovos que hoxe temos unha nova xuntanza na que imos rematar eses versos acrósticos. Non vos esquezades.

9 ene 2014

Xa estamos aquí de novo.
Lembrade que mañá temos xuntanza do Club de Lectura no segundo recreo, para intercambiar os exemplares dos libros. Ademais haberá un taller de acrósticos. Animádevos, todos!
Os adultos temos a próxima reunión a vindeira semana. Non esquezades traer as vosas propostas para a seguinte lectura.